Inicio Premios para investigadores novos

Organizadores




2ª edición premios para investigadores novos PDF Print E-mail

A Sociedade Galega para a promoción da Estatística e da Investigación de Operacións (SGAPEIO) convoca dous premios ás mellores comunicacións presentadas no XII Congreso Galego de Estatística e Investigación de Operacións por investigadores novos. Haberá un premio Categoría A para a mellor comunicación teórica, e un premio Categoría B para a mellor comunicación aplicada. Os candidatos a calquera destes premios deberán presentar a súa comunicación nunha sesión especial do congreso.
As bases detalladas dos premios pódense consultar a continuación.

Bases do premio


1. Convocatoria
A Sociedade Galega para a promoción da Estatística e da Investigación de Operacións (SGAPEIO) convoca dous premios ás mellores comunicacións presentadas no XII Congreso Galego de Estatística e Investigación de Operacións por investigadores novos.

2. Participantes
Os requisitos para optar ao premio son os seguintes:
-Non ter cumpridos 30 anos a 22 de outubro de 2015 acreditado coa fotocopia do DNI ou documento análogo.
-Ser o primeiro autor da comunicación.
-Inscribirse no congreso e presentar oralmente a comunicación. Despois de enviar a comunicación, os/as participantes deben indicar o seu desexo de participar no concurso e especificar a que categoría concorren. O xurado resérvase o dereito a modificar a categoría se o considerase oportuno.
-Os traballos que se presenten ao premio deberán ser inéditos (non poden estar publicados antes do 12 de outubro de 2015 nunha revista científica).
-Non hai limitación de comunicacións presentadas por unha mesma persoa, no caso de que unha persoa presente varios traballos a temática debe ser diferente.

3. Xurado e valoración das comunicacións
O xurado estará formado por 5 persoas elixidas entre o Comité Científico do XII Congreso Galego de Estatística e Investigación de Operacións. Non poderán formar parte do xurado os coautores dos traballos e as persoas que teñan relación contractual cos candidatos. No caso de que os membros do Comité Científico non sexan suficientes, por motivos de incompatibilidades, poderán formar parte do xurado membros do Comité Organizador. O xurado valorará as comunicacións tendo en conta o traballo enviado ao congreso, así como a presentación realizada durante a celebración do mesmo nunhas sesións de comunicacións especiais para os candidatos ao premio. Nas sesións de comunicacións os membros do xurado formularán polo menos unha pregunta sobre o traballo aos candidatos. A decisión do xurado será inapelable e os premios poderán ser declarados desertos por proposta deste.

4. Premios
Concederase un premio en cada unha das seguintes categorías:
-Categoría A: Comunicacións teóricas: traballos nos que o principal obxectivo sexa desenvolver un resultado teórico novo.
-Categoría B: Comunicacións aplicadas: traballos nos que a orixe sexa a resolución dun problema real. Na resolución do problema real poden desenvolverse ou aplicarse resultados teóricos novidosos.

A cada comunicación premiada corresponderalle un premio en metálico de 500 €. Así mesmo, todos os autores da comunicación recibirán un diploma que acredite a concesión do premio.
A notificación da concesión do premio e a súa entrega realizaranse durante o acto de clausura do congreso.

5. Reserva de dereito
A SGAPEIO resérvase o dereito a modificar as condicións do premio sempre que concorra causa xustificada.

6. Aceptación das bases do concurso
A participación no premio supón a plena aceptación das súas bases.

7.-Confidencialidade e dereitos de propiedade intelectual
O contido dos traballos que se presenten así como todos os datos e documentación aportada terán carácter absolutamente confidencial e acceso restrinxido, e como tales serán tratados tanto pola organización do Premio como polo Xurado.

 
GalegoEspañolPortugués


Powered by Joomla!. Designed by: joomla templates web hosting Valid XHTML and CSS. Adaptado por MJ Ginzo-Villamayor