Inicio Mesas Redondas

Organizadores




Mesas redondas PDF Print E-mail

No XII Congreso Galego de Estatística e Investigación de Operacións  están organizadas dúas mesas redondas:

As datas e participantes das dúas mesas redondas programadas no congreso son as seguintes.

 

MESA REDONDA SOBRE A ESTATÍSTICA NAS EMPRESAS E EN LABORATORIOS
Xoves, 22 de outubro

A Estatística é unha disciplina indispensable para obter información útil para o aproveitamento de grandes volumes de datos, como os que se xeran de forma habitual nas empresas e laboratorios. Na mesa redonda participarán membros de empresas e laboratorios relacionados co sector da alimentación nos que se fai uso da Estatística e a Investigación Operativa para alcanzar logros económico-empresariais, sanitarios, etc. Na mesa redonda preténdese dar a coñecer algunhas das aplicacións da Estatística e a Investigación de Operacións, levadas a cabo mediante a colaboración entre profesionais con formación diversa.
Moderador:

 

  • Dr. Carlos HERRERO LATORRE, Dpto. de Química Analítica, Nutrición e Bromatoloxía, Universidade de Santiago de Compostela.

 

Participantes:

  • Dra. María del Mar CALVO MALVAR, Servizo de Análises Clínicas do Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela e Investigadora Responsable do Grupo Clínico de Galicia Alimentación Atlántica (GALIAT 6+7).
  • D. Antonio CORTÉS LOBATO, Director de Mercadotecnia do grupo GADISA (Gallega de Distribuidores de Alimentación, S.A.)
  • Dna. Ana Mª GÓMEZ PALACIOS , Responsable de Calidade de Planta, Estrella de Galicia, Hijos de Rivera S.A.U.
  • Dna. Isabel QUINTÁS BLANCO, Unidade de Garantía de Calidade, Laboratorio de Saúde Pública de Galicia.

 

Carlos HERRERO LATORRE
Dpto. Química Analítica, Nutrición e Bromatoloxía,
Universidade de Santiago de Compostela

Doutor en Química Analítica pola Universidade de Santiago de Compostela, onde exerce como docente. Director do grupo de investigación QUAL (Química Analítica Lugo – Quimiomertría Alimentaria), cuxas principais liñas de traballo abarcan a aplicación de técnicas quimiométricas para a tipificación alimentaria e o uso de novos nanomateriais para a preconcentración e determinación de compostos químicos de interese ambiental e alimentario. Participou e foi investigador principal de diversos proxectos e contratos con empresas, e é autor de numerosos artigos científicos en revistas internacionais de prestixio no eido da química analítica e a quimiometría.

 

D. Antonio CORTÉS LOBATO
Director de Mercadotecnia.
Grupo GADISA

Graduado en Economía e Socioloxía pola London School of Economics. É desde 1999 Director de Mercadotecnia de GADISA, grupo empresarial do sector da distribución de alimentos líder no Noroeste Peninsular.
Na súa carreira profesional desempeñou diversos cargos de Dirección en departamentos de Mercadotecnia , Vendas, Desenvolvemento de Negocios e Desenvolvemento de Mercados en importantes empresas internacionais, PEPSICO / PEPSI COLA, SHWEPPES S.A., MARS INC. e COSMOS TRADING SRL.

 

Dra. Mª del Mar CALVO MALVAR
Servizo de Análises Clínicas do CHUS e Investigadora Responsable do Grupo Clínico de Galicia Alimentación Atlántica (GALIAT 6+7).

Coordinadora e Investigadora Principal do Grupo Clínico do proxecto Galicia Alimentación Atlántica (Galiat 6+7) (http://galiat6mas7.com/es/index.php), desenvolvido por 6 empresas do sector da alimentación e 7 grupos científicos de Galicia, cuxo obxectivo é estudar o papel da Dieta Atlántica como dieta saudable e bioactiva.
Especialista en Análises Clínicas do Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela, Área de Xestión Integrada. Colaboradora Docente do Departamento de Bioquímica e Bioloxía Molecular da Facultade de Medicina da USC. Representante española na European Federation of Clinical Chemistry and Laboratory Medicine. Membro de Comité de Comunicación da Sociedade Española de Bioquímica Clínica e Patoloxía Molecular.

 

Dna. Ana María GÓMEZ PALACIOS
Responsable de Calidade de Planta
Estrella Galicia, Hijos de Rivera, S.A.U.

Licenciada en Ciencias Químicas. É responsable da área de Control de Calidade de Planta na fábrica de cervexas Estrela Galicia. A área de Calidade de Hijos de Rivera S.A.U. ten como obxectivo potenciar todos os elementos de medición da calidade dentro da cadea de valor da empresa, a análise sensorial como elemento avaliador da calidade e a divulgación da cultura cervexeira, así como o desenvolvemento de novas técnicas e das diferentes áreas de control.
Na súa traxectoria profesional previa desempeñou diversos cargos de responsabilidade en empresas do sector químico e ambiental, AMBIO S.A., B y P Medical e NORCONTROL.

 

Dna. Isabel QUINTÁS BLANCO
Unidade de Garantía de Calidade, Laboratorio de Saúde Pública de Galicia
Dirección Xeral de Innovación e Xestión de Saúde Pública, Xunta de Galicia

Enxeñeiro Técnico Industrial e Licenciada en Ciencias Químicas. Forma parte da Unidade de Garantía de Calidade do Laboratorio de Saúde Pública de Galicia, que é o laboratorio de referencia da Comunidade Autónoma para o Plan Nacional de Investigación de Residuos en produtos de orixe animal (PNIR), no marco do control oficial.
Desenvolveu a súa carreira profesional como Técnico Superior no Laboratorio de Saúde Pública de Lugo, hoxe en día convertido no Laboratorio de Saúde Pública de Galicia, participando na posta a punto e validación de diversos métodos de ensaio.
É coautora de diversos artigos publicados en revistas de difusión nacional e internacional, relacionados co seu labor nos laboratorios de ensaio.

MESA REDONDA SOBRE OS SERVIZOS DE CONSULTORÍA ESTATÍSTICA
Sábado 24 de outubro

A Estatística é unha disciplina que contribúe a moitos avances tecnolóxicos, científicos e sociais, cuxo logro xeralmente é froito dunha colaboración entre profesionais expertos en diferentes disciplinas. Na mesa redonda participarán membros de empresas e organizacións públicas con ampla experiencia no asesoramento estatístico en diversos ámbitos, o biosanitario, o económico empresarial e o sociolóxico entre eles. Na mesa redonda preténdese dar a coñecer algúns casos de éxito destas colaboracións multidisciplinares, así como debater sobre a traxectoria a seguir polos servizos de consultoría estatística para achegar o potencial desta disciplina a máis colectivos, empresas e institucións.

 

Moderadora:

  • Dra. Carmen Mª CADARSO SUÁREZ, Biostatech e Universidade de Santiago de Compostela.

Participantes:

  • Dna. Mª José GINZO VILLAMAYOR, Servizo de Consultoría Estatística do Departamento de Estatística e Investigación Operativa da Universidade de Santiago de Compostela
  • Dra. Sonia PÉRTEGA DÍAZ, Unidade de Epidemioloxía Clínica e Bioestatística, INIBIC-Complexo Hospitalario Universitario A Coruña
  • Dr. Francisco GUDE SAMPEDRO, Unidade de Epidemioloxía e Investigación Clínica do CHUS - Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela
  • Dr. Vicente LUSTRES PÉREZ, BIOSTATECH


Dra. Carmen Mª CADARSO SUÁREZ
Biostatech - GRID[ECMB], BIOSTATNET, ICBUSC
Dpto. de Estatística e Investigación Operativa da Universidade de Santiago de Compostela


Catedrática do Departamento de Estatística e Investigación Operativa da USC. É cofundadora de Biostatech, empresa de base tecnolóxica de Bioestatística, con sede en Santiago de Compostela, que ofrece servizos de asesoramento, organiza cursos de formación e proporciona apoio para a innovación tecnolóxica e científica no ámbito das ciencias da Vida e da Saúde.
Promotora da rede temática BIOSTATNET, núcleo de conexión dos investigadores españois de Bioestatística, cun enfoque flexible e interdisciplinario. Promotora do centro de investigación multidisciplinar ICBUSC (Interdisciplinary Center of Biostatistics). O ICBUSC, no que participan profesionais de universidades europeas (USC-España, UMinho-Portugal , UHasselt-Bélxica e KU Leuven-Bélxica) ofrece servizos en relación co desenvolvemento de novas metodoloxías estatísticas aplicables a estudos de investigación en diferentes áreas de Ciencias da Vida, así como colaboración para o uso da Bioestatística en estudos de investigación e cursos de formación avanzados.
É coautora de numerosos artigos e de varios libros e ten unha ampla experiencia docente en graos, estudos de máster e doutoramento e cursos de formación.


Dna. Mª José GINZO VILLAMAYOR
Técnico de Consulting do Servizo de Consultoría Estatística do Dpto. de Estatística e Investigación Operativa da Universidade de Santiago de Compostela


Especialista en Estatística, licenciada en Matemáticas. Desenvolveu a súa carreira profesional no Servizo de Consultoría Estatística do Departamento de Estatística e Investigación Operativa da USC.
Desde o Servizo presta asesoramento estatístico de calquera nivel, desde análise de datos para traballos fin de grao/máster, tese, ata desenvolver proxectos que requiren técnicas máis sofisticadas. O Servizo tamén presta asesoramento estatístico a empresas, o que lle permite participar en proxectos no sector industrial e produtivo.
É coautora de diversos artigos relacionados co seu labor de asesoramento a grupos de traballo multidisciplinares e conta con experiencia como profesora de cursos de formación estatística dirixidos a profesionais de diversos campos: persoal de PEMES (pequenas e medianas empresas), persoal de administración pública, persoal docente, etc.


Dra. Sonia PÉRTEGA DÍAZ
Técnico Superior da Unidade de Epidemioloxía Clínica e Bioestatística INIBIC-Complexo Hospitalario Universitario A Coruña

Especialista en Estatística, doutora en Ciencias Matemáticas. Desenvolveu a súa carreira profesional como Técnico Superior na Unidade de Epidemioloxía Clínica e Bioestatística do Complexo Hospitalario Universitario A Coruña (http://www.inibic.es/inv_apoyo_bioestadistica.html).
Participou como investigadora en diversos proxectos financiados en convocatorias competitivas, e é coautora de numerosos artigos publicados en revistas de difusión nacional e internacional.
Como docente, participou en diversos cursos de formación en Metodoloxía da Investigación e Bioestatística, fundamentalmente dirixidos a profesionais sanitarios.


Dr. Francisco GUDE SAMPEDRO
Unidade de Epidemioloxía e Investigación Clínica do CHUS - Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela

Epidemiólogo na Unidade de Epidemioloxía e Investigación Clínica do Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela. Ademais de participar en proxectos de investigación biomédica, realiza tarefas de asesoría no deseño de estudos, análises de datos de estudos clínicos e en tarefas de formación de estudantes universitarios de Estatística.
É autor de numerosas publicacións que van desde o ámbito clínico e epidemiolóxico ao metodolóxico, é tamén asesor científico da Rede Nacional de Bioestadística BIOSTATNET.


Dr. Vicente LUSTRES PÉREZ
BIOSTATECH

Doutor en Bioloxía. É xerente e administrador de Biostatech, a primeira spin-off galega de bioestatística, fundada no ano 2012, e primeira en España en ser cualificada como Empresa de Base Tecnolóxica.
Foi investigador no Departamento de Zooloxía da Universidade de Santiago de Compostela durante 14 anos, contribuíndo ao desenvolvemento de numerosos proxectos relacionados con diversos recursos mariños. Na actualidade colabora activamente co Grupo Interdisciplinar de Bioestatística GRIDECMB.
Con formación en estatística, ten ampla experiencia en xestión de proxectos e en labores de coordinación, e unha visión actualizada do emprendemento universitario.

 
GalegoEspañolPortugués


Powered by Joomla!. Designed by: joomla templates web hosting Valid XHTML and CSS. Adaptado por MJ Ginzo-Villamayor