Cursos previos ao congreso Print

Con motivo do XII Congreso Galego de Estatística e Investigación de Operacións están programados dous cursos, que se impartirán online en datas previas ao congreso (do 16 de setembro ao 24 de outubro), e finalizarán cunha sesión presencial que terá lugar o sábado 24 de outubro durante o congreso.
Estes cursos pretenden ensinar as aplicacións da Estatística a diferentes colectivos: enxeñeiros, economistas, persoal sanitario, biólogos, veterinarios, docentes, profesionais e investigadores que necesitan analizar datos no seu traballo, etc.

Estes cursos pretenden ensinar as aplicacións da Estatística a diferentes colectivos: enxeñeiros, economistas, persoal sanitario, biólogos, veterinarios, docentes, profesionais e investigadores que necesitan analizar datos no seu traballo, etc.

 

CURSO DE CONTROL ESTATÍSTICO DE CALIDADE CON R
Ver o programa do curso aquí
Inscribirse aquí

O programa estatístico “R” é completamente gratuíto e pódese instalar en calquera computador e sistema operativo. Converteuse en poucos anos no programa estatístico de uso xeral máis potente e versátil, con gran diferenza sobre calquera outro programa existente (incluídos os de custo elevado, como SPSS, STATISTICA, SAS, etc). R é tamén o programa estatístico con maior potencia de gráficos. A comunidade estatística mundial colabora de forma desinteresada con R Project, e miles de investigadores achegan constantemente rutinas e utilidades. Actualmente é fácil atopar paquetes de R e aplicacións avanzadas para calquera área de coñecemento, incluído naturalmente o Control de Calidade.

O curso inclúe unha breve introdución ao programa R e as técnicas estatísticas de control de calidade máis utilizadas (Metodoloxía 6 Sigma. Diagramas de Ishikawa e de Pareto. Mostraxe de aceptación. Deseño de plans de mostraxe . MSA tipo I e tipo II. Índices de capacidade . Gráficos de Shewhart . CUSUM. EWMA. Experimentos factoriais. Deseños de mesturas . Deseños Taguchi), con datos e exemplos paso a paso, alcanzables para usuarios non expertos.

PROFESORES DO CURSO
Dr. Antonio VAAMONDE LISTE e Dr. Ricardo LUACES PAZOS
Departamento de Estatística e Investigación Operativa, Universidade de Vigo

Antonio VAAMONDE é catedrático de Estatística da Universidade de Vigo. Autor de numerosas publicacións, entre as cales se atopan os libros “Tratamiento de Datos” (2006), “Tratamiento de Datos con R, STATISTICA y SPSS” (2011) e “Gráficos Estadísticos con R” (2012).

Ricardo LUACES é doutor en Economía pola Universidade de Santiago de Compostela, e profesor Titular de Universidade da área de coñecemento de Estatística e Investigación Operativa na Universidade de Vigo, onde desenvolve a súa actividade docente, fundamentalmente en titulacións do ámbito económico e empresarial e da rama da enxeñaría .

Antonio Vaamonde e Ricardo Luaces impartiron nos últimos anos diversos cursos de Estatística Aplicada con R con metodoloxía non presencial: “Estatística con R para investigadores”, “Control Estatístico de Calidade con R”, “Estatística con R para Médicos”, “Estatística con R para Profesorado de Ensino Medio”, “Estatística con R para Profesionais da Saúde” e “Estatística Avanzada con R para Profesionais da Saúde”.

 

CURSO DE EPIDAT, SOFTWARE GALEGO PARA A ANÁLISE DE DATOS
Ver o programa do curso aquí
Inscribirse aquí

O programa EPIDAT é un programa para a análise de datos que naceu con orientación epidemiolóxica, de onde lle vén o nome, pero o seu contido foise ampliando nas sucesivas versións, e actualmente, xa a versión 4, contén unha boa variedade de métodos tanto epidemiolóxicos como estatísticos, o que permite o seu uso en calquera ámbito.

EPIDAT caracterízase fundamentalmente por ser de libre acceso, de fácil manexo e dispor dunha axuda moi completa que inclúe exemplos resoltos e comentados. Entre os seus módulos inclúense varios de Estatística: Mostraxe, Análise Descritiva, Inferencia sobre Parámetros e Distribucións de Probabilidade.

EPIDAT vense desenvolvendo dende hai xa vinte anos na Dirección Xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública (DXIXSP) da Xunta de Galicia e pode descargarse de forma gratuíta na dirección: http://dxsp.sergas.es. No desenvolvemento do programa colaboran tamén a Organización Panamericana de la Salud (OPS-OMS) e a Universidad CES de Medellín, Colombia.

O curso “EPIDAT, software galego para a análise de datos” estará orientado ao manexo dos módulos de Estatística do programa. O curso pode considerarse un curso introdutorio ás técnicas estatísticas básicas máis comúns usando EPIDAT, no que se mostrará a utilidade do programa en diferentes campos: para analizar bases de datos de índole sanitaria, para realizar actividades prácticas de estatística na aula en cursos de ensino medio, etc.

PROFESORAS DO CURSO
Da Mª Isolina SANTIAGO PÉREZ(*), Da Gael NAVEIRA BARBEITO(*) e Da María Jesús CASADO BARRIO(**)

(*)Servizo de Epidemioloxía, Dirección Xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública, Consellería de Sanidade, Xunta de Galicia
(**)I.E.S. Francisco Daviña Rey, Monforte de Lemos

Mª Isolina SANTIAGO é especialista en Estatística , licenciada en Matemáticas. Desenvolveu a súa carreira profesional no IGE (Instituto Galego de Estatística) e no Servizo de Epidemioloxía da Dirección Xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública (DXIXSP) da Xunta de Galicia.
Forma parte do equipo de traballo de EPIDAT, un proxecto da DXIXSP para a elaboración e difusión deste programa, orientado á análise epidemiolóxica e estatística de datos. Impartiu numerosos cursos e talleres específicos sobre o manexo do programa, en España e Latino América, e colaborou na difusión do mesmo en congresos e reunións científicas de estatística , epidemioloxía e informática en saúde.
Colaborou na publicación de numerosos artigos en revistas nacionais e internacionais, é revisora habitual da revista Gaceta Sanitaria e ten participado na análise estatística de proxectos de investigación clínica, fundamentalmente da área de enfermidades cardiovasculares.

Gael NAVEIRA é licenciada en Matemáticas, especialista en Estatística e Máster en Técnicas Estatísticas. Desenvolveu a súa carreira profesional no Servizo de Epidemioloxía da Dirección Xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública da Xunta de Galicia como Técnica Estatística.

Desde o ano 2008 forma parte do equipo de traballo de EPIDAT e participou na difusión do mesmo en congresos e reunións científicas, así como en diversas revistas. Así mesmo impartiu cursos sobre o manexo do programa e sobre os conceptos metodolóxicos que nel se abordan.

María Jesús CASADO é Catedrática de Ensinanza Secundaria, licenciada e graduada pola USC en Matemáticas na especialidade de Estatística e Investigación Operativa. Ten impartido numerosos cursos e relatorios en congresos nacionais e internacionais sobre didáctica das matemáticas e da estatística, entre eles "Software e recursos na web para educación secundaria", "Competencias matemáticas a partir das TICS (I e II), "Libros dixitais" e "Como facer un proxecto de estatística". O seu ámbito de traballo é a innovación tecnolóxica e metodolóxica dentro da aula e o traballo por proxectos, co que acadou recentemente un Premio Nacional de Educación. Participa como profesora do Máster de Profesorado de Secundaria na elaboración de currículos de matemáticas, e forma parte de AGAPEMA e do Consello Executivo da SGAPEIO, sociedade coa que colabora tamén no seu boletín INFORMEST.