A SGAPEIO Print

A Estatística é unha ferramenta básica que forma parte indiscutible da cultura media do cidadán, xa que non se pode comprender axeitadamente o mundo actual sen habilidades mínimas de razoamento en condicións de incerteza. A Estatística é tamén un instrumento imprescindible na investigación científica, xogando un papel esencial no proceso de contraste e validación do avance do coñecemento.

A Investigación de Operacións é unha disciplina matemática para axudar á toma de decisión que está moi ben valorada no mundo económico. Tal é así que o desenvolvemento de novas técnicas de Investigación de Operacións foi xa motivo de tres premios Nobel de economía, nos anos 1994, 2005 e 2012.

A Sociedade Galega para a Promoción da Estatística e da Investigación de Operacións (SGAPEIO) fundouse en outubro de 1992, sendo inscrita co número 115.719 nos rexistros públicos da Secretaría Xeral Técnica do Ministerio do Interior. O domicilio social da SGAPEIO encóntrase no Departamento de Estatística e Investigación Operativa da Universidade de Santiago de Compostela.

A SGAPEIO é unha organización autónoma que ten como obxectivo principal a promoción e divulgación dos métodos e aplicacións da Estatística e da Investigación de Operacións no ámbito galego. Para lograr os seus obxectivos, a SGAPEIO organiza congresos ordinarios e outras reunións científicas, edita boletíns de información, potencia intercambios nacionais e internacionais, fomenta a relación entre as universidades galegas e os sectores público e privado, estimula a investigación e difúndea a través de series monográficas e, en xeral, pon a Estatística e a Investigación de Operacións ao servizo da ciencia e da sociedade.

No curto espazo de tempo transcorrido dende a súa fundación, a SGAPEIO experimentou un continuo crecemento do número de asociados, pasando de 34 socios fundadores a 179 socios individuais actuais ademais de sete socios institucionais.

Socios individuais

  • Profesores e profesionais de universidade 37%
  • Profesores de ensino medio 23%
  • Estudantes 25%
  • Administracións públicas e empresas 15%

Socios institucionais

  • Departamento de Estatística e Investigación Operativa da Universidade de Santiago de Compostela.
  • Departamento de Matemáticas da Universidade da Coruña.
  • Departamento de Métodos Cuantitativos para a Economía e a Empresa da Universidade de Santiago de Compostela.
  • Instituto Galego de Estatística (IGE).
  • Universidade de Vigo.
  • Departamento de Economía Aplicada II da Universidade da Coruña.
  • Facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago de Compostela.


CONGRESOS ORGANIZADOS POLA SGAPEIO

Dende o momento da súa fundación a SGAPEIO mostrou un gran dinamismo, adquirindo a Xunta Xestora, responsable do seu funcionamento naquela etapa, o reto de celebrar nun breve prazo o I Congreso Galego de Estatística e Investigación de Operacións.

Os congresos organizados ata a data foron os seguintes:

  • I Congreso A Coruña, 1993
  • II Congreso Vigo, 1995
  • III Congreso Lugo, 1997
  • IV Congreso Santiago de Compostela, 1999
  • V Congreso Ferrol, 2001
  • VI Congreso Vigo, 2003
  • VII Congreso Minho (Portugal), 2005
  • VIII Congreso Santiago de Compostela, 2007
  • IX Congreso Ourense, 2009
  • X Congreso Pontevedra, 2011
  • XI Congreso A Coruña, 2013

A información sobre estes congresos pode consultarse no enderezo de internet da SGAPEIO: www.sgapeio.es

PUBLICACIÓNS, ACTIVIDADES DE FORMACIÓN E DE DIVULGACIÓN

Ademais da celebración dos congresos bienais, a SGAPEIO desenvolve outras moitas actividades, entre as que destacan as seguintes:

  • Edita o boletín INFORMEST, que pretende ser unha ferramenta de comunicación entre os socios, con posibilidade de participar mediante colaboracións, e con seccións fixas que informan das novas do Instituto Galego de Estatística ou de eventos relacionados coa SGAPEIO.
  • Levou a cabo a tradución ao galego do libro Á Estatística ¡en caricaturas!. Este libro é de grande utilidade para todos aqueles que tentan de achegarse á Estatística dun xeito divertido. Coa tradución ao galego desta obra, a SGAPEIO trata de contribuír ao fomento e divulgación da Estatística en Galicia.
  • En colaboración con educaBarrié, a iniciativa educativa da Fundación Barrié, convoca anualmente o concurso Incubadora de Sondaxes e Experimentos para proxectos de estatística e investigación de operacións realizados por estudantes de ESO, Bacharelato e Ciclos Formativos de Grao Medio da Comunidade Autónoma de Galicia.
  • Organiza xornadas de fomento e divulgación da Estatística e a Investigación de Operacións en Galicia, como as organizadas con motivo do Ano Internacional da Estatística ou o do Día Mundial da Estatística.
  • Organiza todos os anos diversas actividades de formación no eido da Estatística e a Investigación de Operacións. Estas van dirixidas aos diversos sectores da poboación, e son mostra delo os cursos de Estatística con R para profesores de ensino medio, para persoal de PEMES ou para profesionais da saúde.

Na páxina web da SGAPEIO poderase atopar moita información adicional sobre estas e outras actividades da Sociedade.