No XII Congreso Galego de Estatística e Investigación de Operacións están programadas catro conferencias plenarias, a cargo dos seguintes relatores, quen nos presentarán modernas metodoloxías froito da súa longa experiencia nas aplicacións da Estatística e a Investigación de Operacións:
Dra. Monica BÉCUE BERTAUT
Departament d'Estadística i Investigació Operativa e Fundació Miquel Augustí Universitat Politècnica de Catalunya http://www-eio.upc.edu/~monica
Especialista na análise estatística de datos textuais así como de datos de distintos tipos, cuantitativos, categóricos e textuais. Nos seus traballos de investigación, tomando como base a estatística multidimensional (análise de correspondencias, análise factorial múltiple e os métodos de clasificación), ofrécense innovacións metodolóxicas e explóranse novos dominios de aplicacións. Os desenvolvementos metodolóxicos compleméntanse ademais coa súa integración nun software libre, como R, concretamente no afamado paquete FactoMineR, creado no seo do Laboratoire de Mathématiques Appliquées, Agrocampus Ouest, Rennes, Francia. Algúns temas destacados do seu interese son a análise de datos de preguntas abertas nas enquisas e o estudio estatístico de textos retóricos ou argumentativos. No campo da sensometría ten estudado as tarefas de verbalización, especialmente no caso de estudos sensoriais en varias linguas, estendendo para isto a análise factorial múltiple xerarquizada a táboas de frecuencia e táboas léxicas. Na actualidade está desenvolvendo o software TextoMineR, dedicado a análise estatística de datos textuais.
Dr. Julio GONZÁLEZ DÍAZ
Grupo de investigación de Modelos de Optimización, Decisión, Estatística e Aplicacións Dpto. de Estatística e Investigación Operativa, Universidade de Santiago de Compostela http://eio.usc.es/pub/julio/index_esp.html
Especialista en teoría de xogos cooperativos e non cooperativos, disciplinas con múltiples aplicacións no ámbito da toma de decisións no mundo económico. É autor de numerosas publicacións relevantes sobre ditas técnicas en diferentes revistas internacionais, e é coautor de varios libros, entre eles un de referencia en dito campo publicado pola prestixiosa American Mathematical Society. Nos últimos anos participou activamente en contratos e proxectos de transferencia científico tecnolóxica en colaboración con distintas empresas. Actualmente, desde o Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial lidera importantes proxectos que teñen que ver coa resolución de problemas de optimización no sector enerxético, que involucran a empresas como Repsol, Reganosa e KALEIDO Ideas & Logistics.
D. Jorge LÓPEZ MUÑIZ
Xerente de Intelixencia de Negocio Estrella Galicia, Hijos de Rivera, S.A.U.
Especialista en estatística, responsable da área de Intelixencia de Negocio da importante empresa galega Hijos de Rivera, S.A.U., dedicada á fabricación e distribución de bebidas, entre elas Estrella Galicia, Cabreiroá, Agua de Cuevas e Maeloc. A área de Intelixencia de Negocio de Hijos de Rivera desenvolve a cultura do coñecemento: do mercado, identificando novas oportunidades de crecemento e permitindo actuar dun xeito eficiente sobre as diferentes tipoloxías de clientes; e do negocio, mellorando o proceso de toma de decisións. A Intelixencia de Negocio ten a responsabilidade do DataWarehousing da compañía e da xestión e desenvolvemento da ferramenta de Business Intelligence. Na área de Intelixencia de Negocio conta cunha ampla experiencia no uso de técnicas estatísticas para garantir a calidade da información e para proporcionar coñecemento fiable, útil e accesible para facilitar a toma de decisións á Dirección da Compañía.
Dr. Philippe VIEU
Equipe de Statistique et Probabilités Institut de Mathématiques de Toulouse Université Paul Sabatier, Toulouse, Francia
Especialista en métodos estatísticos non paramétricos para a análise de datos funcionais, moi comúns hoxe en día polos avances tecnolóxicos das últimas décadas. É autor de numerosas publicacións moi relevantes sobre ditas técnicas en diferentes revistas internacionais, e é coautor de dous libros de referencia en dito campo publicados na prestixiosa editorial Springer.
Nos seus traballos abórdanse as aplicacións de ditas técnicas en diversos campos, tales como a quimiometría, coa análise de datos espectrométricos, ou a economía, coa análise de series temporais. Aínda que as técnicas requiren de desenvolvementos matemáticos sofisticados, a súa posta en práctica faise accesible grazas á súa integración nun software libre, como R.
|